20200308 Dia Muller ALI3427

Pilar Gómez, farmacéutica; Carmen Turnes, gandeira; e Ana Montalbán, odontóloga, contaron a súa experiencia e falaron do papel da muller nun municipio rural como A Baña, nunha charla coloquio celebrada este domingo 8 de marzo coa que o Concello conmemora o Día Internacional da Muller.

Pilar recordaba como foi o seu bisavó quen quixo que a súa nai estudara e se convertera na primeira farmacéutica titulada da Baña, mentres que Carmen resaltaba as desigualdades que sufrían as mulleres, e recordaba como a seus irmáns si pero a ela non a deixaron estudar, “a pesar da insistencia do cura”. Tamén lembrou as odiseas e como tivo que teimar na casa para poder comprar un pantalón para vestir ou sacar o carné de conducir. “As oficinas de Extensión Agraria foron moi formativas para nós e para defender os nosos dereitos”, dixo unha muller que hoxe ve como o seu fillo continúa coa explotación gandeira familiar.

Ana María Montalbán só tivo palabras de agradecemento para a veciñanza da Baña que a axudou dende que chegou aquí hai 30 anos, o 30 de novembro de 1990, para superar o frío, a choiva e as dificultades co idioma. A preguntas do público recoñeceu que, hoxe en día, a situación da muller está mellor en España que no seu país..

20200308 Dia Muller ALI3433