Imprimir
Categoría: Cultura e educación
Visto: 1006

20191026 ALI9621

A veciñanza da Baña respondeu onte a iniciativa do Concello, Comisión de Festas da Baña e Asociación de Mulleres Alborada e acudiu á praza do Concello para gozar dunha ampla oferta lúdico gastronómica que tivo ás castañas e a música como principais protagonistas. Durante a xornada, os asistentes foron quen de degustar máis de 70 quilos de castañas e 570 racións de polbo e churrasco que se ofreceron durante todo o día. As Pandeireteiras e gaititeiros da Baña, o dúo Ramón Leis & Moco Ces, o grupo Ciclón e o DJ puxeron a boa música, que animou a moitos a bailar.

20191026 ALI9601

Representantes da comisión de festas da Baña mostraban a súa satisfacción pola tarde, mentres asaban as castañas. Era a primeira vez que, xunto con Concello e a Asociación de Mulleres Alborada, organizaban un magosto popular e ninguén tiña moi claro cal ía ser a respostas da veciñanza. As previsións iniciais para o xantar popular quedaron amplamente superadas pola resposta veciñal, e consumíronse cinco veces máis racións dos cálculos iniciais. Ata 570 racións, entre polbo e churrasco, despachou a polbeira que montou a carpa na Praza do Concello. Algúns veciños optaron por xantar na propia carpa, e outros moitos ían buscar a comida para degustala na casa.

Algo parecido pasou coas castañas, que se asaron xunto ás escolas vellas. Máis de 70 quilos deste produto típico do outono galego se asaron nunhas boas brasas. O propio alcalde, José Antonio Pereira, e a concelleira de Cultura, Mónica González, con outros membros da organización as trasladaron en sacos ata a carpa da praza onde agardaban moitas persoas que estiveron gozando e bailando coa boa música. Pouco a pouco, as castañas ían desaparecendo das mesas, mentres o grupo Ciclón empezaba a animar a verbena.

20191026 ALI9614

Pola tarde, o dúo formado polos profesores da Escola Municipal de Música, Ramón Leis & Moncho Ces, as Pandeireteiras da Baña e os Gaiteiros da Baña puxeron as notas musicais. Mentres os primeiros ofrecían o seu concerto no local social e da terceira idade, pandeireteiras e gaiteiros tocaron baixo da carpa da praza do Concello, atentamente observados pola cativada. Os maiores enseguida se animaron a botar unhas bailas para gozar dunha xornada que reuniu centos de persoas na Praza do Concello e que apunta a ter continuidade en anos vindeiros.

Álbum de fotos no Facebook do Concello da Baña (neste enlace).

20191026 ALI9630