Imprimir
Categoría: novas
Visto: 436

Mónica González: “O rural ten moitas posibilidades, como demostran Rocío e o resto de emprendedoras que aparecen neste audiovisual”

Soledad Agra: “Queremos dar a coñecer o traballo das protagonistas e os retos que tiveron que afrontar para emprender”.

Rocío Picado:  “Asumín a xerencia do centro de día de Ceilán tres meses antes da pandemia. Temos que potenciar as redes de apoio e recuperar os valores do rural”

20231015 Banha Dia Muller Rural presentacion videos 11

A concelleira Mónica González reivindicou hoxe o papel da muller no rural, “onde pode desenvolver labores moi diferentes a agrícola-gandeira tradicional”, durante a presentación na Baña dun proxecto audiovisual promovido pola Deputación da Coruña para conmemorar o Día da Muller Rural, que se celebrou este 15 de outubro.  No acto interviñeron tamén a deputada provincial de Igualdade, Soledad Agra, e a xerente do centro de día e fogar residencial de Ceilán, Rocío Picado. “O rural ofrece moitas posibilidades, como demostran Rocío e outras emprendedoras que apostan por desenvolver os seus proxectos de vida no rural”, asegurou a concelleira de Acción social, cultural e servizos a cidadanía da Baña.

“Na Baña contamos coa comunidade de mulleres agrarias Baneón e hai explotacións dirixidas por mulleres, aínda que seguen sendo as menos”, dixo Mónica González, quen lembrou que as mulleres representan o 43% da man de obra agrícola.

“Quédanos aínda moito camiños por percorrer”, resaltou a concelleira, que salientou que o traballo da muller no rural non ten porque centrarse na tradicional labor agrícola-gandeira. “Temos que deixar atrás esa imaxe de muller maior e de loito. O rural ofrece moitas posibilidades, tanto para homes como para mulleres. E exemplo diso son Rocío Picado e o resto de emprendedoras que apostan polo noso rural”, asegurou Mónica González, referíndose ás protagonistas do proxecto audiovisual Mulleres emprendedoras no rural  promovido pola Deputación da Coruña e estreado hoxe na Baña para conmemorar o Día da Muller Rural.

Soledad Agra explicou que o proxecto consiste nunha serie de 5 vídeos de aproximadamente 3 minutos cada un, que teñen como obxectivo amosar  referentes de mulleres emprendedoras da provincia da Coruña en diferente sectores, coa finalidade de visibilizar o seu traballo e por en valor a actividade que desenvolven no rural.  “Trátase de coñecer  a  cada unha das protagonistas, o seu labor,  o seu día a día, os retos que tiveron que afrontar para emprender no rural e a súa historia actual, poñendo o foco tamén no seu futuro como mulleres á  fronte dunha empresa no rural”.

20231015 Banha Dia Muller Rural presentacion videos 6

Rocío Picado

Una das protagonistas deste proxecto é Rocío Picado, xerente do Fogar residencial e Centro de día Fogar de Ceilán, da Baña, no que se celebrou o acto. Durante o coloquio posterior a estrea dos vídeos, Rocío Picado lembrou que asumiu a xerencia do centro a finais do ano 2019, tres meses antes de comezar a pandemia, e resaltou a importancia de que “as mulleres que traballan no rural se convertan en rede de apoio para as mulleres emprendodras. Eu estou aquí grazas as mulleres que me acompañaron e me acompañan”, dixo.

Picado tamén lembrou a importancia de empoderar as mulleres que traballan no coidado de outras persoas. “Somo maioría neste sector. En setembro deste ano 2023 tivemos os primeiros homes facendo prácticas no centro de día”, dixo.

Rocío Picado votou en falta “axudas para as mulleres emprendedoras. Ás autónomas temos que afrontar moitas esixencias, e fáltannos redes de apoio, por iso eu decidín retrasar a miña maternidade”, dixo.

En canto ao futuro, Rocío Picado enumerou os desafíos aos que haberá que facerlles fronte, como “eliminar a brecha salarial entre homes e mulleres, mellorar os soldos no sector coidados ou erradicar a violencia de xénero”. Picado tamén considerou importante “fomentar a unión entre as mulleres emprendedoras, e recuperar os valores tradicionais do rural, para preocuparse polo veciños e, entre todos, construír un mundo mellor”.

No acto estiveron presentes o alcalde da Baña, José Antonio Pereira Gil; os deputados provinciais Antonio Leira e Xosé Pena; os concelleiros e concelleiras da Baña Álvaro Silva, Andrés García Cardeso, Belén Capeáns e Patricia Lois; a concelleira do Rural do Concello de Santiago, Pilar Lueiro; residentes do centro no que se celebrou o acto, e Sonia Ares, artesá de Rois.

As protagonistas dos vídeos estreados hoxe na Baña son Leticia Iglesias (Neda), coa súa empresa de venta de produtos de horta Na Horta da Avoa María; Carme Pampín (Touro), cofundadora de Galchimia, centro de excelencia para a investigación química; Sonia Ares (Rois), artesá traballadora de prata e vidro; María Fandiño (Curtis), enxeñeira industrial e gandeira; e Rocío Picado (A Baña), xerente do Fogar residencial e centro de día Fogar de Ceilán.

20231015 Banha Dia Muller Rural presentacion videos 4