Imprimir
Categoría: novas
Visto: 551

20230829 Banha Centro SaudeO alcalde da Baña, José Antonio Pereira, expresou hoxe o malestar existente entre a veciñanza pola "moi deficiente cobertura médica que o municipio está sufrindo este verán". Cunha nula previsión para cubrir baixas e vacacións durante este período estival, o centro médico local padeceu atrasos continuos e varias persoas foron mesmo derivadas ás instalacións sanitarias de Negreira, algo que, a xuízo de Pereira, é "totalmente inaceptable". O alcalde agarda aínda a que o conselleiro de Sanidade e a xerente da área sanitaria poñan cita a unha reunión que o Concello solicitou hai unha semana, o pasado 23 de agosto.

Aínda que, sobre o papel, o centro médico da Baña debe estar atendido por tres médicos, o certo é que as baixas e vacacións deixaron a instalación moi minguada en termos de asistencia. Sen ir máis lonxe, o Concello denuncia que en días como o xoves 24 ou o luns 28 de agosto só un doutor estivo presente, cos conseguintes atrancos. Máis aínda, en xornadas coma a do pasado venres, 25 de agosto, só se prestou servizo de 8:30 a 12:00 da mañá; os casos que chegaron fóra deste marco temporal foron desviados a Negreira.

"Semella que os veciños e veciñas da Baña non podemos poñernos enfermos ou, de facelo, temos que cinguirnos a un horario estrito", dixo o alcalde. José Antonio Pereira recordou que a situación "vén de lonxe; o noso centro médico ten deficiencias estruturais que hai que solucionar canto antes".

Neste sentido, o alcalde recordou que tanto el como Mónica González (concelleira de Acción social, cultura e servizos a cidadanía) tiñan solicitada hai unha semana (o 23 de agosto) unha reunión co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e coa xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez. "Non tivemos resposta aínda", destacou Pereira. Os puntos a tratar nesta xuntanza son ben importantes para o municipio bañense: desde o mantemento do centro de saúde ata as substitucións do persoal que traballa en dito centro, o funcionamento do servizo de pediatría (que non se cobre en vacacións) ou o servizo de matrona (compartido con outro concello, cando antes atendía a tempo completo na Baña). "Parécennos cuestións o suficientemente importantes como para que se nos atenda canto antes por parte da Xunta", remarcou o alcalde.