Imprimir
Categoría: novas
Visto: 430

O Concello da Baña renderalle este sábado, 17 de decembro, unha homenaxe a Emilio Constantino Andújar Riveiro, músico, fundador da Banda de Infantil da Baña, ex director da Escola de Música e precursor da ensinanza musical, non só no municipio bañense, senón na comarca de Barcala. Como recoñecemento á figura do falecido músico, o Concello decidiu que as escolas vellas, sede do centro de música, leven o seu nome e pasen a denominarse Escolas Emilio Andújar.

O acto, que terá lugar ás 12.00 horas, consistirá no descubrimento dunha placa conmemorativa e nunha lembranza por parte de antigas alumnas e ex alumnos da escola de música á figura de quen fora o seu mestre musical e director. Ademais de membros do goberno municipal, asistirán tamén familiares, ex alumnos e ex alumnas e alumnado actual, entre outros.

Emilio Constantino Andújar Riveiro foi unha persoa moi querida na Baña e un referente musical para a comarca de Barcala. Natural de Negreira amaba a música por riba de todo. Comezou a súa andaina como músico afeccionado xunto ao seu irmán nun trío tradicional de gaita, bombo e caixa, que se convertería deseguido no Sextexto Bañés, no que tocaría o bombo. O seu ingreso no servizo militar na Coruña permitiulle unirse, polos seus coñecementos previos, á Banda de Música Militar de Infantería da Coruña, reforzando os seus coñecementos de solfexo, teoría,  gaita e clarinete.

De volta do servizo militar, Emilio Andújar, que tocaba o saxo como ninguén, incorpórase ao Sindicato Nacional do Espectáculo e funda no ano 1949 a orquestra Andújar e no 1974, a orquestra Río Verde. Emilio Andújar compaxinou ata a súa xubilación a súa paixón como músico e arranxista, tocando nas orquestras, co oficio de taxista.

No ano 1981, xa xubilado, chegaríalle a proposta dun grupo de pais e nais do Colexio de San Vicente e o apoio do centro educativo para dar clases extraescolares de música. Andújar Riveiro non o dubidou e centrou a súa vida dende entón en ensinarlles o que máis amaba, a música, aos cativos e cativas da Baña. O seu labor ao longo deses anos foi vocacional e altruísta. Froito dese traballo crearíase a Banda Infantil da Baña (chamada ata 1985 Banda Infantil do Colexio da Baña, cando se desligou do centro educativo e recibiu apoio institucional). A banda dirixida por Andújar Riveiro debutaría na primavera de 1982 en Ordoeste; con ela chegou a espallar o nome do municipio por toda Galicia, España e o estranxeiro. A banda de música desenvolveu unha intensa actividade cultural e musical ao longo de 25 anos, ata a súa desaparición en 2009.

Na década dos 90, e froito da agrupación musical, crease a Escola de Música, coa incorporación do músico profesional Rafael Arosa que, xunto a Emilio Andújar e Mario Martínez formarían o cadro docente e impartirían solfexo, teoría musical e instrumento ás rapazas e rapaces da Baña.

O maxistral músico e mestre falecía en febreiro de 2019, na aldea de Rial (Ordoeste), aos 98 anos.

O Concello da Baña subliña que a homenaxe que este sábado se lle vai render á figura de Andújar Riveiro é ben merecida e convida a toda a veciñanza a sumarse ao acto.