20190930 MocidadeA Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social, coa colaboración dos socios do proxecto Lidera, pon en marcha “Mocidade: Encontro da xuventude creativa e emprendedora Galicia – Norte de Portugal”, un espazo de formación, creatividade, emprendemento, cultura e lecer que permitirá establecer sinerxías, compartir experiencias, proxectos e ideas, e impulsar a xuventude no seu desenvolvemento persoal e profesional.

O encontro ten como obxectivo promover e estimular a creatividade e o espírito emprendedor da mocidade galega e portuguesa a través dun espazo aberto á participación, ao tempo que fortalecerá os lazos de cooperación transfronteiriza Galicia – Norte de Portugal, especialmente en temas que melloren a empregabilidade da xuventude.

“Mocidade” promoverá o diálogo entre os participantes galegos e portugueses, pero tamén busca asentarse como un evento de referencia para os mozos e mozas grazas a unha programación multidisciplinar, moderna e á vangarda das novas correntes e sectores emerxentes.

A inscrición neste evento, totalmente gratuíto, dará acceso a todas as mesas redondas, charlas e dinámicas do evento, aos concertos musicais, así como ao aloxamento e manutención durante os tres días do encontro.

Trátase dunha actividade enmarcada no proxecto “Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo” (acrónimo Lidera), aprobado ao abeiro do programa Interreg V A España Portugal 2014-2020 (POCTEP) e que ten como obxectivo promover o desenvolvemento económico transfronteirizo a través das capacidades laborais e de emprendemento dos mozos e mozas do territorio.

Datas de realización: do 25 ao 27 de outubro de 2019.

Lugar de realización:

Museo Centro Gaiás
Monte Gaiás, s/n
15707 Santiago de Compostela
A Coruña

Persoas destinatarias: mozos e mozas galegas de entre 18 e 30 anos de idade

Prazas ofertadas: 400

Prazo de inscrición: do 30 de setembro ao 17 de outubro de 2019

Inscrición: será a través de formulario electrónico

Adxudicación: as prazas asignaranse por estrita orde de inscrición

Para máis información, consulta a páxina web da Dirección Xeral de Xuventude.