O pleno do Concello da Baña celebrado onte, 26 de agosto, contou por primeira vez coa presenza da nova secretaria municipal, María Pardo, asignada ao municipio de forma definitiva. A sesión, que se levou a cabo na casa consistorial, serviu tamén para informar a corporación das resolucións tomadas pola Alcaldía durante as últimas semanas.

O alcalde explicou que a nova secretaria serve no Concello da Baña de maneira permanente desde a súa incorporación, o pasado luns 24. José Antonio Pereira agradeceulle ao seu predecesor, Dalmiro Núñez Méndez, "o seu esforzo e traballo na Baña durante ano e medio, un labor complicado polo que implica levar dous concellos ao tempo". Os portavoces das outras dúas forzas con presenza no plenario, Andrés García Cardeso (PP) e César Ramos (Compromiso por Galicia), iniciaron tamén as súas intervencións na quenda de rogos e preguntas cun recoñecemento ao labor do secretario saínte e coa benvida a María Pardo á fronte da Secretaría municipal.

O pleno proseguiu coa información das resolucións feitas pola Alcaldía entre o 25 de xullo e o 21 de agosto, copia das cales figuraba en poder dos membros da corporación. A nova secretaria achegou o documento que certifica que non houbo reparos de legalidade a estas resolucións.

Na quenda de rogos e preguntas, que ocupou boa parte do tempo do pleno, os grupos da oposición pediron aclaracións sobre cuestións expostas en anteriores sesións. Ademais, requiriuse información sobre varias cuestións que foron contestadas polo grupo de goberno no momento ou que, ao ser necesaria a consulta de documentación, se responderán por escrito.

O alcalde informou tamén de que o Concello recibiu a sentenza sobre pagos atrasados a traballadores, por unha contía total de 358.552,88€, con salario bruto, cotas á Seguridade Social e xuros incluídos. Os afectados, dixo Pereira, xa asinaron o acordo e a conformidade coas cantidades. A secretaria informou de que se está a traballar para atopar a mellor maneira de afrontar estes pagos, de acordo coa normativa de facendas locais e buscando que non afecte o desenvolvemento normal da actividade do Concello.

Enlace ao vídeo do pleno en YouTube: https://youtu.be/-MwEZEKEO5M

 

20200826 Pleno ordinario agosto web