O Pleno da Corporación da Baña aprobou onte por unanimidade as mocións presentadas polo Partido Popular solicitando o apoio para manter os postos de traballo en Alcoa e que se respecte a autonomía dos concellos para que o Goberno central permita utilizar o superávit sen apropiarse deste. No pleno, que durou dúas horas, o alcalde informou que se recibiu unha notificación do IDAE cunha proposta de derrogación da subvención concedida ao Concello para o aforro enerxético.

As dúas propostas presentadas polo PP contaron co apoio dos tres grupos políticos. No caso de Alcoa, para instar o Goberno central a tomar as medidas necesarias para manter os 540 postos e traballo directos na Mariña Lucense. Dende Compromiso por Galicia sinalouse que no Congreso dos deputados “fálase moito de Nissan e pouco de Alcoa” e, dende o equipo de goberno solicitaron que tamén se instara a Xunta de Galicia a apoiar estas medidas.

Na moción para respectar a autonomía municipal, dende o PP aludiron a unhas declaracións da ministra de Facenda no senso de que o Goberno central podería utilizar os máis de 5.000 millóns de superávit dos concellos para facer fronte á crise actual. Tanto PP como CxG apoiaron pedirlle ao Goberno central, FEMP e Fegamp que se respecte a autonomía municipal. Dende o PSOE tamén se sumaron a iniciativa, que xa foi aprobada na Deputación, recordou o alcalde que “ata o momento non se fixo nada do que dixo a ministra”.

Durante o capítulo de rogos e preguntas, o alcalde informou de que dende o Ministerio para a Transición Enerxética remitíronlle unha notificación ao Concello da Baña na que anuncian unha proposta de derrogación da subvención para a colocación de luminarias led para o aforro enerxético. O secretario informou a Corporación de que, ao seu entender, o Concello tiña concedida unha prórroga de 6 meses polo recurso presentado durante a tramitación do expediente. O vindeiro luns celebrarase unha reunión para analizar a situación e determinar o procedemento que hai que seguir.

20200625 Pleno Bana WEB