• O Concello acondicionará provisionalmente a escola e campo de fútbol de Corneira para acoller no verán á Caravana Arriera

    • A Corporación pídelle a Goberno central e Xunta un plan de igualdade de oportunidades, contra a brecha salarial e fomentar as carreiras científicas entre as alumnas

    • Os tres grupos da oposición tamén decidiron subscribirse a Nós Diario, o único xornal escrito en galego

    • Hai máis granxas que piden reducir a contribución e que están pendentes de entregar a documentación pertinente

    • Aprobada definitivamente a ordenanza que lle pide aos madeireiros unha fianza e un seguro de responsabilidade civil

 

A unanimidade entre os tres grupos políticos reinou onte na aprobación dos puntos debatidos no Pleno da Corporación da Baña, aínda que despois, no longo capítulo de rogos e preguntas de case dúas horas, tanto Partido Popular como Compromiso por Galicia foron críticos co equipo de goberno socialista. Os tres grupos apoiaron rebaixarlle un 95% o IBI a unha explotación gandeira e a aprobación definitiva da ordenanza que lle pide ás empresas unha fianza e seguro de responsabilidade civil para cortar madeira. As mocións para potenciar a Vía Mariana e que o Concello se subscriba a Nós Diario, presentada por CxG, e a do PP de cara ao 8-M solicitándolle ao Goberno central e á Xunta por en marcha plans de igualdade, de redución da brecha salarial e de fomento das carreiras científicas entre as alumnas tamén se aprobaron por unanimidade  (vídeo do pleno neste enlace).

A rebaixa da contribución nun 95% ás explotacións gandeiras é algo que ten contemplado o Concello da Baña. Onte aprobouse a solicitude presentada por unha delas, e anunciouse que hai máis veciños que tamén solicitaron esta redución no pago do IBI, pero que teñen que presentar a documentación pertinente para ser aprobado en pleno.

20200304 Pleno bana web

Co acordo dos tres grupos, que rexeitaron as alegacións presentadas pola federación de madeireiros, quedou aprobada definitivamente a ordenanza que regula a taxa para permitir a corta de madeira na Baña. A partir de agora, os madeireiros, ademais de presentar un seguro de responsabilidade civil para facer fronte aos posibles danos nas pistas e camiños públicos que se produzan durante a súa actividade, deberán depositar unha fianza. Aquelas empresas que utilicen camións de menos de 16 toneladas deberán depositar unha fianza de 1.600 euros en metálico para responder dos danos que poidan causar. Se os vehículos cargan máis de 16 toneladas, a fianza será de 3.100 euros. 

Na primeira moción presentada por Compromiso por Galicia, pedíase que o Concello da Baña se subscriba a Nós Diario, o único xornal escrito en galego que se publica de martes a sábado, como xeito de contribuír aos obxectivos do Servizo municipal de Normalización Lingüística. A intención é que os exemplares estean a disposición da veciñanza na axencia de lectura e no centro social e da terceira idade, e se poida acceder dixitalmente dende a aula de informática.

Tamén por unanimidade se aprobou a moción para reforzar a Vía Mariana Luso Galaica. César Ramos solicitou que dende o Concello se acondicione provisionalmente tanto a escola como o campo de fútbol de Corneira para colaborar coa Caravana Arriera que este verán ai facer o traxecto dende Santiago a Muxía (o ano pasado chegou de Braga a Compostela), poida durmir na Baña. A intención e que, nunha segunda fase, se poidan ofrecer aos peregrinos desta ruta e do Camiño de Santiago a Muxía unhas instalacións permanentes, buscando a mellor forma de xestión, ben municipal ou a través dunha asociación.

Igual resultado (11 votos a favor) colleitou a moción do Partido Popular relativa ao 8-M, no que se pide ao Goberno central que poña en marcha un novo plan estratéxico de igualdade de oportunidades para dar cumprimento a axenda 2030; impulsar un pacto nacional para a conciliación laboral e fomentar as vocacións tecnolóxicas (STEM) entre as alumnas. O Concello da Baña solicitaralle a Xunta por en marcha medidas para fomentar a igualdade retributiva das mulleres en todos os ámbitos, que fomente entre as mulleres  vocacións  STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) e tamén programas de alfabetización dixital no rural.

Despois de media hora de unanimidade, comezou un amplo capítulo de rogos e preguntas, no que durante preto de dúas horas, tanto PP, que formulou 15 cuestións, como CxG, con outras 20, foron críticos co equipo de goberno (vídeo do pleno neste enlace).